A nosa identidade
A nosa mirada está marcada polas palabras do evanxelista Xoán: “Mirarán ao que traspasaron” (Xn 19). Chamadas a ser plenamente contemplativas e apostólicas, contemplamos a Cristo. Do seu costado aberto agroma o manancial de Vida e procuramos a presenza agochada en cada un dos nosos irmáns e irmás.
Esa mirada fai nacer en nós un único desexo: permanecer no amor de Xesús como bacelos enxertados na vide, recibir o pulo e a vitalidade, formar un só corazón e unha soa alma en torno á Eucaristía, manifestar no medio dun mundo ferido a compaixón e a fidelidade do seu Corazón.
Dende ese Centro que nos atrae e nos configura, queremos ser mulleres de relación, capaces de compadecer e de reconciliar, sempre de parte da vida, habitadas polo desexo de gastala gratuitamente xunto aos máis pequenos e vulnerables.
Vivimos o desafío de dialogar nas nosas culturas diferentes; de estar insertas en moitos lugares e convocadas nunha Igrexa camiñante; de percorrer novos camiños sen perder a sabedoría dos que nos precederon. Somos conscientes da nosa fraxilidade e dos nosos límites pero sabémonos sostidas pola presenza achegada de María, por unha tradición que amamos e polo apoio que percibimos unhas doutras.
Seguras de que o noso amor é máis forte que a división e a vida máis que a morte, tratamos de vivir atentas ao latexo do Corazón de Deus no corazón do mundo.