|
Ide por todo o mundo...
Durante os anos que seguen á morte de Magdalena Sofía, a Sociedade do Sagrado Corazón séguese estendendo dun modo sorprendente. A finais do s. XIX conta xa con máis de 6500 relixiosas. A Sociedade difúndese en América Latina, África, Asia e Oceanía. Estas presenzas realizadas por relixiosas de diversas nacionalidades, débense ao esforzo de diversas vigairías. A de Maryville-Chicago funda en Nova Zelandia; a de Louisiana crea as casa de Porto Rico e A Habana. Chile abre novas casa en Perú, Uruguai e Arxentina. Inglaterra ocúpase das fundacións da India, Australia e Malta. Bélxica envía relixiosas ao Congo. Á súa vez, Australia implanta a Sociedade do Sagrado Corazón en Xapón.

|
Novas chamadas, novas tarefas
A vitalidade da Sociedade tamén se manifesta pola creatividade na misión. A educación ofrécese a novos destinatarios: alumnas negras nos EEUU; alumnas de "cursos superiores" que non pretendían un diploma de fin de estudos, senón que aspiraban a prepararse para a súa misión de nais de familia; non cristiás, musulmás en Exipto; budistas e sintoistas en Sankocho; estudantes de todas as castes en Bombai; en EEUU e Porto Rico créanse institucións universitarias; despois en China, India e Perú. As institucións escolares ábrense aos poucos aos mozos e acollen un profesorado laico. Fúndanse tamén escolas en pleno campo africano. As relixiosas comezan a crear formas de presenza a carón dos máis pobres.
|
O cambio
Co impulso do Concilio Vaticano II unifícanse as categorías de relixiosas dentro da Sociedade do Sagrado Corazón e suprímese a clausura. Péchanse os grandes internados, particípase na evanxelización dos barrios pobres das grandes cidades, organizan cursos nocturnos, centros xuvenís e establécense comunidades nas zonas rurais menos favorecidas.
Queda así o camiño aberto ás profundas reformas do post-Concilio, sobre todo a partir do Capítulo Xeral de 1970, a partir do cal a Sociedade oriéntase a profundar en cinco opcións que converxen no mesmo centro, o Corazón de Cristo: a comunidade internacional vista como comuñón e implicando corresponsabilidade e participación, a misión educadora reafirmada como servizo de Igrexa, a solidariedade cara ao Terceiro Mundo e a opción preferente polos pobres.
|
|